Monday 06 de May de 2024

Pleno concello de Santiago: 31 de maio de 202


O pleno ordinario do concello de Santiago, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, comezou, como ven sendo habitual, coas intervencións da cidadanía, e cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista. A continuación, aprobouse por unanimidade a incorporación, por vía de urxencia, dunha moción conxunta de todos os grupos municipais en prol da recuperación e racionalizacion dos servizos ferroviarios en Galicia.

Minuto de silencio

Proposicións

Na proposición sobre a situación do contrato das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, o SAF, o Grupo Socialista abstívose. Defendeuna a concelleira de Políticas Sociais. Na súa resposta a Compostela Aberta, Mila Castro aclarou que si existen canles de diálogo “cos comités de empresa, coas propias empresas, e coas profesionais” que xestionan o servizo. E indicou que “as canles de interlocución deben ser con todos os axentes implicados na xestión” do SAF.

Tamén defendeu a aposta do grupo municipal polo SAF e recordoulle a Compostela Aberta que “fóronse en 2018, con 302 persoas beneficiarias do servizo. A día de hoxe, a cifra ascende a 572. Fóronse con 95.000 horas anuais de SAF prestadas, fronte ás mais de 144.000 prestadas en 2021. Fóronse cunha lista de agarda de SAF dependencia de 61 persoas, e hoxe non hai lista de agarda, porque temos horas suficientes para xestionalas puntualmente cada semanda. Fóronse cunha lista de agarda en SAF libre concorrencia de 79 persoas e hoxe non chegan a 10, e estanse dando altas. Fóronse con 21 axudas técnicas ao mes colocadas, e hoxe falamos de 117, e así poderiamos seguir”.

A concelleira tamén se mostrou dacordo co incremento salarial das profesionais do SAF. “Como non vou estar dacordo coas medidas que implican mellorar condicións laborais daquelas profesionais que traballan coas necesidades da nosa veciñanza”, subliñou. E lembrou que o convenio colectivo segue en fase de negociación. “As asociacións e empresas do sector, non só a de Compostela, senón todas, acordaron proceder á subida do 3,1% con efectos retroactivos dende xaneiro e asi se fixo”. “Seguiremos pendentes”, engadiu Mila Castro, ”dos resultados da negociación do convenio e por suposto, da súa aplicación”.

O PSdeG municipal tamén se abstivo na proposición para mellorar os espazos públicos no barrio do Avío, A Torreira e O Romaño. O concelleiro de Obras, Javier Fernández, explicou que xa se está a traballar no mantemento continuo e periódico dos barrios, e tamén desta zona.

A proposición para habilitar un programa mediante códigos QR e naviléns para mellorar a sinaléctica e ofrecer información sobre a nomenclátor das rúas e roteiros destacados defendeuna o concelleiro de Turismo. Sindo Guinarte indicou que “o noso compromiso, o que temos orzamentado, o que imos licitar con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística, ten que ver coa sinaléctica referida a monumentos e espazos singulares”. Continuou sinalando que “nos parece interesante utilizar esa sinalectica da rúa, pero non se podería facer de xeito absoluto con cargo a este plan”. En todo caso, engadiu, xustificando a posición abstencionista do Grupo Socialista, “tomamos nota da iniciativa e haberá que retomala cando se negocien os orzamentos”.

O pleno presidiuno o alcalde de Santiago. Na imaxe coas concelleiras Mercedes Rosón e Mila Castro.

A concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, defendeu a abstención socialista na proposición para a elaboración dun regulamento de usos de espazos emblemáticos da cidade. Na súa exposición, lembrou a PP que xa existe “suficente normativa”, que citou. Entre ela, a Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública do Concello de Santiago de Compostela, publicada no BOP nº 213 de 8 de novembro de 2012 e emenda de error material no BOP de 16 de xaneiro 2013, a Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria do Concello de Santiago de Compostela, aprobada por acordo do Pleno da Corporación o día 28 de decembro de 2006, e publicada no BOP da Coruña do 17 de febreiro de 2007; modificada no 2009 no seu artigo 63 que establece distintas prohibicións na vía pública, ao que se engade o asesoramento da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, no que están representados, ademais do goberno municipal, os grupos da oposición; outras administracións, como a Xunta de Galicia e distintos organismos, entre eles a USC, ou o Consorcio da Cidade de Santiago. Polo tanto, engadiu Rosón, “este goberno entende que existe a suficiente claridade e coherencia nos criterios establecidos; e a suficiente normativa ao respecto”.

Antes da votación, o alcalde indiciu en que “unha das maiores agresións que sofre a cidade histórica, e o reparto de mercadorías; e ese é un tema”, engadiu, no que todos os grupos se deben que posicionar, en referencia á construción dunha plataforma de loxística de reparto de mercadorías, que en principio, daría servizo á zona histórica e despis, segundo as previsión, extenderíase a outros puntos da cidade.

O concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadán, Gonzalo Muíños interveu na proposición sobre a a situación do barrio das Fontiñas para a implementación de medidas específicas para a súa mellora. Explicou que o barrio conta, cunha liña de transporte específica e tamén pasan liñas con conexión á cidade da cultura e a hospitais. Sobre 100.000 viaxeiros están a circular cada mes. Unha “rede de transporte, engadiu, que nunca foi obxecto de debate. Sobre a rotonda entre as rúas Lisboa, Londres e Berlín, xa fora aceptada unha iniciativa formulada pola oposición. Xa está encargada a memoria, que rematará o próximo mes para despois pasar á execución das actuacións contempladas para a pacificación do tráfico. Sobre a zona de Concheiros, está, explicou, “nesa fase de asentamento para aperturar a rúa e para avaliar, por se hai que facer, algun tipo de medidas correctivas”. Tamén sinalou que cómpre agardar ao PMUS, o Plan de Mobilidade Urbana de Santiago, “no que se planifica de xeito global a mobilidade da zona”.

Na segunda quenda interveu o alcalde. Sánchez Bugallo explicou o sentido do voto socialista en cada un dos puntos da proposición. No primeiro, sobre medidas urxentes orientadas á mellora da mobilidade e da accesibilidade na confluencia da Rúa Londres con Rúa Berlín e Rodríguez de Viguri, o Grupo socialista abstívose. O rexedor sinalou que cómpre esperar a apertura de Concheiros para ter unha información máis precisa de como se comporta o tráfico na zona. O Grupo Socialista tamén se abstivo no punto dous, de elaborar unha diagnose de neceidades e demandas sociais do barrios das Fontiñas para poder incorporar estas melloras nos orzamentos municipais dos próximos anos; porque, explicou Sánchez Bugallo, a diagnose cómpre facela extensiva a toda Compostela, para actualizar os datos “e ver en que situación está a cidade e as necesidades que presenta despois da pandemia. No terceiro punto, instar á Xunta de Galicia á construción do centro de día nas inmediacións do barrio nalgunha das parcelas aínda dispoñibles, o PSdeG votou a favor.

Os puntos 2, 3, 4, 5, 6 e 7, sobre expedientes de crédito extraordinario, suplementos de crédito e recoñecemento extraxudicial de crédito, debatéronse conxuntamente. Aprobáronse cos votos a favor do Grupo Socialista, e a abstención do resto de grupos da oposición. Defendeuno a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Pública, Marta Abal. Igual que o alcalde, quen realizou unha intervención final, pediu desculpas ás empresas pendentes de pago, “debido a problemas administrativos e económicos que fixeron que non se puideran aboar as facturas” e subvencións “en tempo e prazo”, segundo aclarou o rexedor. Tanto Marta Abal como Sánchez Bugallo, explicaron que se destinan a pago de sentenzas xudiciais catro millóns de euros dos sete de remanentes; e indicaron que “todas estas sentenzas xudiciais” derivan de decisións que se tomaron en anteriores mandatos, neste caso dos gobernos municipais do PP e de Compostela Aberta.